Denunciamos á Xunta de Galicia

contraminateBycontraminate

Denunciamos á Xunta de Galicia

Polo incumprimento do dereito comunitario europeo en materia de protección de espazos naturais

O colectivo veciñal Contramínate denuncia que o Decreto do pasado 27 de marzo polo que se aproba o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia (PDRN), deixa a porta aberta á inclusión de actividades extractivas de alto impacto ambiental, como a minaría a ceo aberto, entrando en conflito coa normativa comunitaria.

Os veciños, que xa ven ameazado o territorio por un posible proxecto de mina de ouro a ceo aberto en Corcoesto que afectaría a toda a comarca de Bergantiños e particularmente á ria de Corme e Laxe, presentaron o martes 22 de abril unha denuncia formulada con rigor xurídico acompañada dunha demanda para a intervención da Comunidade Europea ante a Xunta de Galicia.

Tal e como denuncian ante as autoridades europeas, este Plan Director é contrario aos valores de preservación da Rede Natura que se conteñen nas disposicións europeas (Directiva 92/43) e estatal (Lei 42/2007) como na propia autonómica, Lei 9/2001, da Conservación da Natureza.

A prevalencia do PDRN sobre os plans e proxectos sectoriais pode ter motivo de exención por “razóns imperiosas de interese público de primeira orde” (art. 4), sen que o PDRN precise a súa natureza, co cal queda ao arbitrio discrecional do poder político.O PDRN prevé ademais que aínda no suposto de avaliación ambiental negativa poderán autorizarse usos e actividades por “razóns imperiosas de interese público de primeira orde, incluídas razóns de índole social ou económica” (art. 26), o cal abre a veda á prevalencia do interese económico sobre o ambiental.

O PDRN non só prevé a continuidade das explotacións mineiras e extractivas existentes, senón que se permite, con carácter excepcional, novas actividades en áreas declaradas como de potencial mineiro (de acordo cun Plan Sectorial, aínda non aprobado) e eslabón para todas as zonas da Rede Natura, de conformidade cos arts. 23 e 68. Da mesma xeito, considéranse autorizables, a nivel xeral, a actividade de acuicultura en toda a RN (tamén, xa que logo, na Zona 1), as EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais) e as instalacións de tratamento de residuos.

En terceiro lugar, aínda que a Rede Natura declárase, a nivel xeral, como de exclusión para actividades mineiras ao descuberto, ampárase a ampliación das existentes, condicionada a unha “adecuada avaliación das súas repercusións ambientais”. O mesmo que respecto da potenciación dos parques eólicos (coa obrigación limitada de avaliación ambiental) e a modernización ou ampliación dos aproveitamentos hidráulicos existentes, sen que o PDRN conteña maiores esixencias.

Cabe dicir ademais que o Plan establece só tres zonas, a 1 (de protección), a 2 (de conservación) e a 3 (de uso xeral). Polo tanto non prevé zonas de reserva, nin sequera como sub-zona da 1, a merecedora de maior protección, de maneira que a zona 1, ademais de ser minoritaria en porcentaxe de ocupación, conta cun réxime de usos extensamente permisivo.

Todo iso entra en contradición coas 5 zonas que prevé o RD1803/1999 (Plan Director de Parques Nacionais). Importante é resaltar que as normativas autonómicas han de ser por lei, en todo caso, máis restritivas que as leis nacionais ou internacionais que as enmarcan.

Máis información sobre a demanda presentada: Change.org

Cuño contraminate rojo

About the Author

contraminate

contraminate administrator

Asociación Ambiental de Laxe, (A Coruña) - Galiza (España)

2 Comments so far

MaríaPosted on  6:41 pm - May 5, 2014

Excelente artículo.

Leave a Reply