A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños viaxa a Rosia Montana en Romanía

contraminate Porcontraminate

A Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños viaxa a Rosia Montana en Romanía

Participará nun foro internacional de carácter cultural no que se debaterá sobre minaría contaminante

Representantes da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños participarán entre os días 11 e 17 de agosto nun foro internacional en Rosia Montana, na rexión de Transilvania en Romanía, que acollerá a plataformas e grupos organizados de distintos países, como Grecia e Turquía, para loitar contra grandes proxectos de minaría a ceo aberto con uso de cianuro e outros contaminantes, para extracción de ouro e prata.

O obxectivo do encontro é o de trasladar aos distintos estados a necesidade de preservar o territorio e os valores culturais e paisaxísticos derivados da pegada humana na terra e de establecer mecanismos de protección fronte a ameaza que supoñen as grandes compañías mineiras internacionais.

Durante as xornadas, representantes de distintas plataformas presentarán as características culturais, sociais e económicas do seu territorio e o xeito en que a sociedade civil se organizou para opoñerse a eses proxectos destrutivos dos valores culturais, sociais e económicos dos seus territorios, nunha loita desequilibrada contra os seus propios gobernantes e as multinacionais mineiras.

O proxecto mineiro de Rosia Montana xurdiu no ano 2000 cando o goberno de Romanía lle outorgou a unha empresa mineira canadense os dereitos para explotar unha mina de ouro e prata nun pequeno pobo histórico, con antecedentes de minas romanas de máis de 2.000 anos de antigüidade.

Ese proxecto mineiro obrigaba a trasladar a dúas mil persoas dos seus lugares de residencia, tiraría unhas novecentas vivendas e destruiría igrexas con máis de dez séculos de antigüidade. A poboación de Rosia Montana liderou unha loita descomunal contra o seu goberno e a empresa canadense e logrou éxitos en sendas batallas legais, pero aínda hoxe seguen pelexando para evitaren que o proxecto mineiro destrúa a súa historia e a súa cultura e o seus fogares.

Rosia Montana

Sobre el autor

contraminate

contraminate administrator

Asociación Ambiental de Laxe, (A Coruña) - Galiza (España)

Deja un comentario